domingo, 24 de abril de 2016

GALIZA SOMOS NÓS


                                              A G A R I M O S A
                            N A I
                            S O L I D A R I A
                                   V I V A
                                        C U L T A
                               T R A D I C I O N A L
                               E M I G R A N T E

Se tivera que falar da miña nai non sabería por onde comezar. Tal vez empezaría dicindo que para min é a mellor nai do mundo e que non imaxino a miña vida sen ela: sen os seus agarimos cando chega á casa, sen os seus biquiños cada vez que os necesito, sen a súa presenza que enche as nosas vidas…

A miña nai e máis eu temos unha marabillosa complicidade porque sabemos ben cando a outra está preocupada, disgustada ou contenta. Para as dúas é doado adiviñar os sentimentos máis fondos porque cunha mirada xa nolo dicimos todo.



E sempre está aí, para darnos a cada un de nós o que precisamos no momento xusto. Non escatima o seu tempo e de contado está disposta a explicar algo que non comprendemos, apoiar á miña irmá nos seus proxectos ou compartir co meu pai unha boa película un venres pola tarde.

Son tantas as emocións e sentimentos vividos entre unha nai e as súas fillas e fillos que non saberíamos elexir con cales nos quedaríamos porque tan pronto fixéramos a selección nos daríamos conta que se nos esqueceu este ou aquel outro momento importante na vida de cada un.

Aos meus anos non concibo a vida sen a miña nai, paréceme imposible. É o meu apoio, dame a seguridade que me falla e “quéreme todo” , a súa maneira especial de dicirme que o seu cariño é infinito.

O que sinto por Galiza, o que Galiza é para min ten moito que ver coa interrelación que se establece entre unha nai e unha filla. Cando nacemos non escollemos á nosa familia mais, unha vez que formamos parte dela, os vínculos que se establecen son tan fortes que duran toda a vida.
Eu son galega, aquí nacín e aquí quero quedarme. Iso non quere dicir que non me guste coñecer outros lugares, outras culturas e outras xentes pero sempre sabendo que vou volver á miña casa, ao meu Barrio da Magdalena, á miña cidade de Ferrol e á miña querida terra, GALIZA.







Como boa nai, Galiza ofrécenos todo o que precisamos para vivir: unha variada morfoloxía da paisaxe, coas súas costas e rías, os seus vales, montañas e chairas que nos proporcionan as mellores viandas e os máis afamados caldos das distintas denominacións de orixe.

Como nai ben formada e culta ofrécenos unha lingua de seu coa que somos quen de expresar dende os avances científicos e tecnolóxicos de última xeración ata as nosas inquedanzas e sentimentos máis fondos ás persoas que queremos e amamos. Lingua que nos permitiu, a través da tradición oral primeiro e da Literatura despois, coñecer o noso pasado e expresar nos poemas de Curros ou Rosalía, no teatro de Vidal Bolaño os deseños de Castelao ou na narrativa de Manolo Rivas, profundas emocións e sentimentos como os que nos transmiten  “ Cousas”  ou  “A lingua das bolboretas”.



Como nai solidaria e agarimosa onde as haxa, Galiza supo acoller aos diferentes pobos que por aquí pasaron, dándolles ás súas xentes a posibilidade de quedar a canda nós e convertirense nun galego máis, porque ela sabe ben o que é ter saudade ou o que se sinte cando estás lonxe da túa terra.  

Como nai viva, Galiza representa o futuro de toda unha xeración que aposta por unha lingua e unha cultura de seu, unha tradición e uns costumes que queremos preservar e manter nos tempos vindeiros e unha maneira de ser e sentir que reflicte o carácter e a ideosincrasia do noso pobo galego.

Como nai amante da música, Galiza déixanos un legado de pezas tradicionais que recollen nas súas muiñeiras, xotas, valses ou alalás o espírito festivo e alegre das romarías e festas que, por todos os rincóns da nosa xeografía, inundan a vida das parroquias e lugares.


                             


Se tivera que dicir que é GALIZA para min, bastarían somentes dúas palabras que encerran todo o que sinto por ela: unha NAI. E a Ela adícolle este fermosísimo poema do gran escritor galego Manuel María, homenaxeado no Día das Letras Galegas con todo merecemento. 


GALIZA.

                                               Galiza docemente
                                               está ollando o mar:
                                               ten vales e montañas
                                               e terras pra labrar!
                                                                 
                                               Ten portos, mariñeiros,
                                               cidades e labregos
                                               cargados de traballos,
                                               cargados de trafegos!
                                     
                                               Galiza é unha nai
                                               velliña, soñadora:
                                               na voz da gaita rise,
                                               na voz da gaita chora!

                                               Galiza é o que vemos:
                                               a terra, o mar, o vento...
                                               Mais hai outra Galiza
                                               que vai no sentimento!

                                               Galiza somos nós:
                                               a xente e máis a fala.
                                               Se buscas a Galiza

                                               en ti tes que atopala!

                                                                 ( Manuel  María )




domingo, 17 de abril de 2016

DEMOGRAFÍA E ...UN BO E FUMEANTE CAFÉ!

Estamos a mediados do mes de abril e xa hai case un mes que comezou a primavera. Moitas das especies dos animais que viven ceibos nos nosos montes escollen esta época do ano para teren as súas crias. Nós, os humanos, non somos tan deterministas e temos aos nosos meniños e meniñas durante todos os meses do ano.

Eu nacín un día moi especial, o 23 de xuño, día da lumeirada de San Xoán do ano 1.998. Estou a piques de cumprir os corenta e oito  e xa me van comezando a pesar un pouquiño os anos.

Cando casaron meus pais a meirande parte dos matrimonios tiñan entre un ou dous descendentes. De feito, no ano no  que naceu a miña irmá Esperanza (1995), somentes viñeron ao mundo a canda ela outros 1.042 nenos máis na nosa cidade.


Cando aínda non pasaran dous anos, a miña nai quedou embarazada de novo e nacín xunto con outros 1.067 bebés. Daquela a cantidade de nacementos era bastante similar entre uns anos e outros.
Agora no ano 2.047 as parellas teñen moi claro que o futuro e a supervivencia da nosa especie depende directamente do número de fillas e fillos concebidos e son cada vez máis as que deciden ter entre tres e cinco descendentes. O actual estado de benestar fai posible que as familias poidan plantexarse o reto persoal de ter fillos libre e responsablemente, sen ningún tipo de ataduras políticas ou económicas.


Recordo que na segunda década do ano 2.000 na cidade de Ferrol a mortalidade era moi superior á natalidade. Por cada 1.044 nacementos había 1.924 defuncións.
Os datos estadísticos recollidos entre os anos 1976 e 2010 no Estado Español reflicten que houbo unha grande oscilación entre a natalidade e a mortalidade. A mediados dos anos 70 nacían moitos máis nenos e nenas que o número de persoas que morrían.


Posteriormente, no ano 1985, natalidade e mortalidade sufriron unha equiparación que evolucionaría no senso contrario xa que no ano 2010 as defuncións foron moi superiores aos nacementos, o que conlevou un grande envellecemento da poboación a nivel de todo o Estado.
O crecemento da poboación entre os anos 1.998 e 2011 sufriu un cambio moi significativo para os galegos: mentres que no resto de España o total de persoas ía progresivamente en aumento, Galicia reflictia un incremento da poboación dunhas cen mil persoas en catorce anos, cifra moi reducida se a comparamos coa totalidade do Estado.
O Goberno da Xunta de Galicia viu a necesidade de por en marcha campañas publicitarias para favorecer a demografía e un exemplo delas é o seguinte vídeo do ano 2.015.

               

Mais todo mudou a nivel global. Os gobernos de moitos países do mundo apostaron polos cambios na ecoloxía, economía , a cultura e a tecnoloxía, xunto co compromiso de manter a xustiza e a paz no planeta.
Nas décadas dos anos 20 e 30 deste século XXI a evolución da poboación foi un reflicto da transformación do noso país e os indicadores da natalidade e mortalidade foron achegándose paseniñamente ata quedar practicamente igualados.
No momento actual vivimos un repunte moi significativo nos nacementos, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña debido ao seu desenrolo económico e ao gran compromiso ecolóxico que demostraron empresas, concellos e poboación.

E volvendo ao pasado... Cando eramos pequenas a nosa avoa Olga sempre nos preguntaba que desexabamos ser de maiores, se casariamos ou non e se soñabamos con ter unha familia.
Daquela eu tiña moi claro que ía ser unha gran cociñeira, e así llo dicía, ao igual que tamén lle aseguraba que non quería saber nada de casar nen de ter familia propia.

Pasado o tempo debo aclarar que non son cociñeira, senon bióloga de investigación, non casei e non contribuín ao aumento demográfico da nosa terra pero é verdade que outros membros da miña familia si o fixeron.


Esperanza, a miña irmá, tivo dúas nenas e un neno. Con todos eles exerzo encantada de tía aínda que, debido ao ritmo de vida e as necesidades de cada un, vémonos menos do que nos gustaría.
Seguimos os consellos de Manolo (lembrades, o profesor de Xeografía de Galicia alá polo ano 2016) e facémolos partícipes da nosa historia familiar e da nosa cultura que tanto significou e significa para nós. Eles quedan abraiados coas andainas que lles contamos a súa nai e máis eu. Basta con mirarlles aos ollos para saber que están moi interesados por descubrir o pasado da súa xente e queren coñecer con todo luxo de detalles as vivencias das súas bisavoas ou a experiencia do bisavó Ramón cando emigrou a Cuba.


Hoxe é 17 de abril, data na que celebrabamos o aniversario da miña avoa Olga. Recordo que cando cumpliu 81 anos, no 2016, tivemos unha comida familiar moi especial que rematou, como non podía ser doutra maneira, falando das lembranzas do seu pasado e compartindo unha torta de follado e froitos secos acompañada dun bo e fumeante café, como a ela lle gustaba.

Esta é a miña pequena homenaxe. PARABÉNS, AVOA OLGA !!!

domingo, 10 de abril de 2016

2047

Aquí estou un día máis traballando no meu despacho, rodeada de datos, estadísticas e programas informáticos. Debo compaxinalo coas miñas investigacións no laboratorio e coas múltiples viaxes de traballo.
Temos que poñernos en contacto coa empresa que nos encargarou esta investigación para mellorar a calidade dos seus produtos e conseguir que a saúde dos seus clientes sexa un obxectivo prioritario, xunto coa boa rendibilidade e os beneficios económicos para todos os seus accionistas. 


Cando estaba a rematar bacharelato no Concepción Arenal de Ferrol, os meus pais me preguntaron que quería estudar na universidade. Eu tiña moi claro cal sería a meu futuro: ser bióloga. Non para adicarme a dar clase nun instituto nen á rapazada universitaria; sería investigadora.



Dende pequena, sempre me chamaron a atención as prácticas no laboratorio. No centro de primaria faciamos pequenos experimentos coa titora, relacionados as máis das veces co mundo das plantas. Anos máis tarde no instituto, os meus días da semana favoritos eran nos que tocaba desdobre co profesorado de bioloxía ou de química xa que nos levaban ao laboratorio realizar pequenas investigacións que me parecían do máis alucinante ou nos poñían vídeos interesantísmos relacionados coas novidades científicas do momento.
Así foi como coñecín a través Gciencia, o Portal de Ciencia Galega, a figura e o traballo da investigadora Carmen Martínez Rodríguez. Era unha das poucas científicas galegas do momento.

             


Daquela, na sociedade galega de 2014, eran poucas as mulleres que adicaban  o seu  esforzo  e  traballo á investigación e ao desenrolo (I + D).
Recordo que cando comezamos a carreira tiñamos unha docente que nos falaba de todos eses temas e nos enchía a cabeza de datos. Aseguraba que nese ano non chegaban a dez mil (9.405) as persoas que se adicaban a tempo completo a investigar, das cales somentes 3.831 eran mulleres.

Tamén nos explicaba que cando rematáramos a carreira podiamos traballar como profesoras, nas empresas privadas, universidades ou centros de investigación. Poñíanos de exemplo as 5.574 persoas que se adicaban aquel ano a investigar no sector público ou ben no sector empresarial privado, 3.775.




A sociedade estaba pouco sensibilizada coa igualdade de xénero. A proba está en que pouco máis dun terzo das investigadoras eran mulleres.
Noutra orde de cousas, dentro do mundo empresarial das pequenas ou grandes industrias, os homes cobraban en moitos casos un 25% máis que as mulleres, realizando mesmo tipo de traballo.
En canto á igualdade dentro das familias, todavía a sociedade era moi machista xa que o coidado dos fillos e fillas ou das persoas maiores e as tarefas da casa eran responsabilidade case exclusiva do xénero feminino. 

Agora, trinta anos despois, a equiparación entre os dous sexos está totalmente superada e a diferencia salarial, o acoso laboral ou o maltrato físico- psicolóxico forman parte dun pasado que non quero nen recordar.

O equipo de investigación co que traballo acaba de descubrir un novo produto que, aplicado correctamente a determinado tipo de alimentos, favorecerá a súa absorción e  interaccionará coas células cerebrales conseguindo que os individuos melloren as súas espectativas de vida, chegando a acadar homes e mulleres os 95 e 99 anos de vida respectivamente.


Hai catro meses que comezamos o 2047 e dentro doutros tres, vou gozar dunhas vacacións que teño ben merecidas. O problema é elexir o destino ao que viaxarei xa que hai moitos lugares que me gustaría visitar, e non sei por cal decidirme. O ano pasado fun á India para poder comprobar de primeira man a grande revolución que nos últimos dez anos foron quen de levar a cabo as clases máis desfavorecidas, conseguindo unha maior igualdade entre a poboación.

Producíronse grandes cambios nas últimas décadas en moitos lugares do no noso planeta debido ao compromiso dos gobernos de todo o mundo que mudaron as súas políticas, dándolles un xiro radical de 360º. Grazas a programas educativos, económicos e tecnolóxicos, sentáronse as bases desta xuventude comprometida co medio ambiente, a sostenibilidade, a xustiza e a paz.

Este ano coido que vou percorrer a nosa terra. Hai tempo que non visito a Serra do Courel e me dixeron que, tras o desastre dos incendios do 2031, Asociacións Ecoloxistas e o propio Goberno Galego investiron todos os medios necesarios para facer posible a súa recuperación.
Educación, Saúde, Ecoloxía,  Economía e Política Social son agora as máximas prioridades da clase política que goberna nesta metade do século XXI, tentando correxir os graves erros cometidos no pasado polos seus antecesores.


            


A sociedade galega sufriu unha grande evolución nos últimos trinta anos xunto coa economía e a investigación. Lembro que no ano 2010, segundo palabras da miña docente da Universidade de Santiago de Compostela, Galicia acadara o máximo número de investigadores empregados a tempo completo: 10.809 persoas. Despois, a cifra fora recortándose a causa da grande crise económica do ano 2.008.


Quen ía dicir que no presente ano 2.047 os galegos seríamos líderes en moitos dos proxectos de investigación desenvolvidos a nivel mundial grazas ás fortes inversións económicas gubernamentais en apoio da ciencia, realizados por grupos de científicos  dos que teño a sorte de formar parte.

domingo, 3 de abril de 2016

UN MAIO PARA NAMORAR.


                                             É tempo de primavera,
                                             é tempo de namorar,
                                             tamén é tempo de flores,
                                             é tempo do maio cantar.

                                                    (Copla dos maios. 
                                    Alumnado de 6º de E.P. do CPI Atios)

Este non é un ano coma todos os demais. Estou chegando á fin dos meus estudos de bacharelato no Concepción Arenal e non poido deixar de volver a vista atrás.

Unha sensación parecida tiven cando rematei no colexio de Recimil. Sabía que se cerraba unha etapa da miña vida e unha nova e moi diferente estaba a comezar no instituto; etapa que resultou ser nuns momentos complicada e noutros moi gratificante porque coñecín a xente marabillosa que me axudou a descubrir un mundo e unhas vivencias que no colexio non tiña. 


No Conchita medrei, madurei e agora me dou conta de que pouco queda da nena pequena que desfrutaba no patio de recreo do antigo Ibáñez Martín ou que desexaba con moito aquel que chegaran as festas do cole porque eran os días que mellor o pasaba coas compañeiras e compañeiros do centro. O Entroido, xunto coa festa dos Maios, eran as miñas preferidas.




Lembro que nos primeiros días do mes de maio, as titoras nos pedían que leváramos verde de camelia, fiuncho ou tulla e flores que pudiéramos conseguir nas nosas casas ou nas de algún veciño ou coñecido para cubrir o maio da escola.
Eu ía cas dos meus avós de San Xoán. Eles axudábanme a apañar as flores na horta e preparábanme un ramo de tullas que levaba á escola ao día seguinte, toda fachendosa, dicindo:
- Son da casa da miña avoa Luca e do meu avó Cholo!

Entre todos facíamos un maio precioso que nos parecía o mellor do mundo. Cando estaba rematado cantábamoslle as coplas que aprendéramos coa profesora da música, Tucha. Era un día distinto no centro, sobre todo porque era unha actividade colectiva na que participaban todas as nenas e nenos con moita ledicia e ilusión.
Aínda recordo a letra dunha daquelas coplas…


MAIO, MAIO,
VÍSTETE DE CREGO,
CASTAÑÍN, PARA MIN!

LEVÁNTATE, MAIO,
QUE TANTO DURMICHES,
PASAOU O INVERNO
E NON O SENTICHES.
                                                    MAIO, MAIO,
VÍSTETE DE CREGO,
CASTAÑÍN, PARA MIN!

LEVÁNTATE, MAIO,
QUE TANTO DURMICHES,
PASOU UNHA BESTA
E NON A MORDICHES.

LEVÁNTATE, MAIO
QUE XA NON É CEDO
E MARCHA PRÁ CASA
QUE XA METES MEDO.

A tradición dos maios non era exclusiva da nosa escola porque noutros centros públicos da Comarca de Ferrolterra tamén se estaba a recuperar  esta festa de benvida á primavera, como resto do antigo culto agrario á fecundidade, de procedencia moi diversa e que xa se celebraba na prehistoria.
Estas manifestacións folklóricas, agrarias e lúdicas, co fin de festexar a chegada da estación, supoñían que coas novas colleitas da terra íase poñer fin á fame e ao frío dos meses do inverno.
Na nosa terra véñense a celebrar os maios nos distintos lugares da nosa xeografía dende hai moitos anos.

No seguinte vídeo Manuel Anxo Méndez preparou unha escolma fotográfica, a modo de presentación desta tradición, que abrangue o século XX e comezos do XXI. Ambientou as imaxes con grandes grupos da nosa cultura musical como son os Saraibas (formación que tivo a súa orixe en San Sadurniño), Pablo Quintana ou A Quenlla (formado por músicos como Mini e Mero, excompoñentes históricos do grupo Fuxan os Ventos).
A música sempre tivo gran importancia na festa dos Maios. Despois de preparalos e levalos en procesión había que cantalos. Moitas son as coplas que arredor deles se compuxeron, diferentes segundo a procedencia xeográfica das mesmas. 
               

A resurrección dos Maios foi posible grazas ao esforzo de moitas persoas que tentaron recuperar a tradición que estaba, en parte, perdida (Concellos, Asociacións Culturais, ANPAS, AAVV  e profesorado) como parte integrante da nosa cultura galega, cun espírito de renacemento, futuro e liberdade, como canta Curros no seu poema.

O MAlO.

Aí ven o maio  

de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
                                                 
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo galego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare 

de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

          (Curros Enríquez)




Grazas á iniciativa da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, e coa colaboración do Concello de Ferrol, o alumnado de once centros da nosa cidade vai celebrar por primeira vez conxuntamente unha grande festa dos Maios. Será o día seis de maio na Praza de España. Cada colexio levará os seus maios e cantarán as coplas, bailarán ou recitarán, nun ambiente festivo, cargado de creatividade, compañerismo e ledicia.
E, quen sabe, se cadra é un Maio para namorar


                         

E agora quero que coñezades como se celebra a festa dos Maios no CPI de Atios, centro onde traballa a miña nai. Dende hai anos o profesorado colabora arreo con todo o alumnado (dende os nenos e nenas de tres anos ata a rapazada de cuarto de ESO) para preparar unha gran alfombra floral feita por todos onde se colocarán os maios para ser cantados, tal e como manda a tradición.
As familias tamén colaboran recollendo o verde e as flores que envían polos seus fillos e fillas a véspera ao centro. Nos últimos anos, membros da ANPA ou veciños das parroquias tamén participaron activamente na preparación.
Imos ver os Maios do ano 2014 no que o colexio celebrou o corenta aniversario. Foron os veciños da parroquia de Vilaboa os encargados de axudar a preparar a festa.  

          

Volvendo á realidade …a miña escolarización está a piques de rematar e vou ter que tomar decisións importantes de futuro pero sei que todo o que aquí aprendín e vivín me vai axudar  a seguir adiante.

Grazas a todas e todos os que me axudaron a medrar como persoa!!!