mércores, 10 de febreiro de 2016

AS CIGARREIRAS DA PALLOZA.



Un domingo máis estabamos reunidos para xantar en familia, pero esta vez tiñamos algo especial que celebrar: o aniversario da miña nai.
Cando chegou o momento da sobremesa, os doces de Entroido foron os protagonistas. A miña avoa Olga fixera freixós e orellas e a miña nai preparara flores e follas de limón recheas de crema pasteleira. Todo iso acompañado dunha copa de cava, para brindar pola homenaxeada, e dun aromático café que mercara a miña avoa Luca na Casa Amador de Ferrol.
Logo, o meu tío José Ramón prendeu un cigarro, coa protesta de todos os comensais que o invitaron a saír fumar fóra porque o cheiro do tabaco parecíanos moi desagradable.

Foi entón cando lembrei o vídeo que puxo Manolo sobre a Fábrica de Tabacos de A Coruña. Non tiña claro cal ía ser a nova entrada no meu blog pero, de súpeto, decidín poñerme mans á obra. Ao chegar á miña casa investigaría sobre o tema e prepararía o meu traballo.
Aquí tendes a publicación. Ao final, en certa maneira, acabei falando do tabaco...

Moitos foron os movementos obreiros que ao longo da nosa historia reivindicaron un traballo digno, con salarios xustos e condicións laborais seguras, axeitadas aos seus traballos.
Algunhas destas revoltas tiveron a súa orixe nos primeiros anos da Revolución Industrial no Reino Unido. A introdución das máquinas nas fábricas téxtiles supuxo a mecanización dos traballos e a conseguinte perda de moitos empregos.

Como resposta a estas innovacións tecnolóxicas, xurdíu o Ludismo, movemento que loitaba contra as máquinas para defender os postos de traballo e demostrarlles aos empresarios que a clase obreira estaba unida fronte aos graves conflitos do momento.
As malas condicións laborais, os baixos salarios e as enfermidades profesionais levaron aos traballadores a rebelarse espontánea e desorganizadamente. A súa acción ía dirixida en grande medida aos instrumentos de produción (a maquinaria) á que consideraban responsable do aumento da taxa do paro e dos baixos salarios. Por iso moitas das manifestacións centrábanse en destruír e incendiar as máquinas e as instalacións das fábricas.

Este movemento ludista extendeuse despois ao agro e foron moitos os campesiños británicos que loitaron contra as novas trilladoras mecánicas que substituían a man de obra no campo.

Na segunda década do século XIX o Ludismo se extendeu por toda Europa. O incendio da fábrica téxtil de Alcoy, no ano 1821, foi o primeiro feito relacionado co movemento en España. Posteriormente, no 1835, terían lugar os feitos de Barcelona onde a familia Bonaplata veu como se destruían as súas fábricas de téxtil e  fundición de ferro.

O Ludismo tamén tivo en Galiza varias manifestacións coñecidas. Serían as cigarreiras da Real Fábrica de Tabacos de A Coruña as que iniciarían as primeiras revoltas no ano 1831 e 1854, reclamando salarios dignos para as traballadoras, ainda que o maior conflito foi no ano 1857 , onde arremeteron contra os xefes e destruíron as instalacións e a produción.


Estes feitos leváronme a investigar sobre a Fábrica de Tabacos e sobre a vida das cigarreiras, verdadeiras protagonistas destas rebelións ludistas da época.





No ano 1999 a Fábrica de Tabacos fusionouse cunha empresa tabaquera de orixe francesa, dando lugar á razón social “Altadis” a cal acorda o peche definitivo das instalacións da Coruña o mes de decembro do 2002, perdéndose douscentos postos de traballo directos.

Segundo a última presidenta do Comité de Empresa da tabacaleira, Dona Elvira Alfonso,       “Ninguén fixo nada para evitar o peche da fábrica de tabacos”.
Unha vez máis os intereses económicos da clase obreira están enfrontados cos das grandes empresas e o capitalismo.
Nos actuais momentos de crise que estamos a vivir, o exemplo das cigarreiras da Palloza son un referente de compromiso e loita. Aprendamos delas.





http://galego.laopinioncoruna.es/coruna/2013/03/17/elvira-alfonso-nadie-hizo-evitar-cierre-fabrica-tabacos/702869.html