domingo, 20 de marzo de 2016

OUTRA FORMA DE SENTIR A CULTURA.

Na miña familia, comezar a falar da Semana Santa e pensar en ir mercar as palmas ao mercado de Recimil era todo un. Normalmente era a miña avoa Olga a que se encargaba de escollelas e de regalárnolas.
Cando xa fomos maiores, eran os avós de San Xoán os encargados de facer o ramo. Eles tiñan unha oliveira moi antiga e dous ou tres loureiros. Cortaban unhas poliñas das dúas árbores e atábanas cunha pioliña que despois adornaban cunha lazada.

O Domingo de Ramos iamos bendecilos á Parroquia do Carme onde o sacerdote celebraba despois a misa arrodeado de máis feligresía que calquera outro domingo.
Á saída da misa, coa palmiña ou co ramo bendito, dirixiámonos á rúa Real para coller un bo sitio e estar na primeira fila, poder ver a Procesión da Borriquiña ( que así se chama a primeira procesión da Semana Santa Ferrolá) e poñer a man para que os capuchóns ao pasar nos agasallaran con algún caramelo ou cunha estampiña.

Esperanza e máis eu competiamos a ver quen xuntaba máis larpeiradas ou recordatorios ao longo dos días que duraban as procesións. A min sempre me asustaron os capuchóns e procuraba esconderme detrás da miña irmá ou dos meus pais, así que xa suporedes quen gañaba a competición.
Uns días antes da Semana Santa os meus pais levábanos mercar a roupa e o calzado novo de primavera. Se os días das procesións ía bo tempo, iamos as dúas de estreo e o mesmo facían o resto das nenas e nenos que baixaban velas coas súas familias.

Esta tradición de poñer a roupa nova neste tempo xa ven de moi antigo.

As miñas avoas contáronme que elas tamén o facían cando eran novas. Agardaban estas datas para estrear e poder baixar ao centro de Ferrol a pasear polas rúas e disfrutar coa xente que ateigaba o Barrio da Magdalena.


Outra das tradicións que máis me gustan da Semana Santa é a da Pascua. Moita xente pensa que este costume de agasallar os padriños e as madriñas ás súas afilladas ven de fóra. Nada máis lonxe da realidade.
A miña madriña naceu e viviu na aldea de Carreira de Santiago, pertencente ao concello de Zas, na Comarca de Soneira. Alí, pola Pascua, a madriña regalaba aos afillados e afilladas unha ducia de ovos cos que se cociñaría unha única tortilla á francesa de tamaño xigante que despois merendaban todos os da casa. Tenme contado que, ás veces, tamén lle levaba algunha outra sorpresa como unha colonia, uns brincos, etc.

Cando nacín, a miña madriña díxolle á miña nai que ela ía seguir coa tradición. E cumpliuno ! Nunca nos faltou o agasallo da Pascua nen a Esperanza nen a min porque Bea sempre foi fiel ao seu compromiso e non esqueceu vir canda nós traernos a Pascua. Nos últimos anos os ovos eran de chocolate porque se mudou á Coruña e alí éralle difícil conseguilos da casa. Compensaba o cambio engadindo un pequeno agasallo que sempre era do noso agrado.

Este ano a miña madriña xa chamou para anunciarnos que vai traer a Pascua polo Xoves Santo porque o propio día non pode achegarse a Ferrol por mor do traballo.




E falando de festividades, agora imos centrarnos nas celebracións da
Semana Santa Ferrolá que no presente ano 2016 está de aniversario. Cúmplense catrocentos anos dende que no século XVII, arredor do 21 de setembro de 1616, aparece nun texto a referencia aos actos e procesións que transcorrían na pequena vila mariñeira, hoxe barrio de Ferrol Vello, e que xiraban en torno á primitiva igrexa parroquial de San Xiao e ao convento de San Francisco.
Por tal motivo, a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol está a preparar unha serie de actos a celebrar durante todo o ano para conmemorar unha das tradicións máis antigas da nosa cidade relacionada con actos relixiosos.


Unha das actividades relizadas foi “Pasión cofrade”. A finalidade deste certame anual de pintura e fotografía artística foi elexir o deseño do cartaz que serve para promocionar a Semana Santa dentro e fóra da cidade (xa que está considerada de interés turístico internacional) e servir de ilustración principal na revista oficial de Ecce Homo.

Nas dúas últimas convocatorias a gañadora no apartado de fotografía artística foi a miña irmá Esperanza, coas obras tituladas “Cabaleiro portador do Santo Enterro” e “Plenilunio”. Este feito fixo que eu puidera acercarme á Semana Santa dende outra perspectiva, a través da arte, sendo así outra forma de sentir a cultura.





 Pero, sen dúbida, os actos principais da Semana Santa son os que xiran arredor da conmemoración da pasión, morte e resurrección de Xesús. Con tal motivo as confrarías e irmandades organizan procesións que percorren os distintos barrios da cidade, comezando o Domingo de Ramos e rematando o Domingo de Pascua de Resurrección.
Imos coñecer un pouquiño de cada unha delas para achegarmos, dalgún xeito, á cultura relixiosa do noso pobo. 


           


Despois da presentación das distintas irmandades e confrarías da nosa cidade, podemos comprender que a Semana Santa posúe tantas facetas e desperta sentimentos tan fondos nalgunhas persoas que para min son difíciles de comprender.
Sen dúbida, as vivencias relixiosas tamén forman parte da cultura dun pobo e debemos de ser respectuosos con todos aqueles que se sinten identificados coas distintas crenzas e profesións de fe.

Hoxe foi Domingo de Ramos. O son dos tambores e das bandas de música anunciaban a chegada das primeiras procesións desta Semana Santa que cumple catrocentos anos de existencia.

As rúas da Magdalena estaban ateigadas de xente que baixou ao centro para dar un paseo, tomar un café e ver as procesións neste primeiro día de primavera de 2016.


domingo, 13 de marzo de 2016

AS FILLOAS DA PEDRA, PARTE DA NOSA CULTURA GASTRONÓMICA.


O rural galego é un sinal de identidade para o noso pobo e a súa cultura. Non é igual vivir na cidade que desenvolver o teu día a día  nunha aldeíña das moitas que conforman a nosa paisaxe.


Eu son de asfalto, como di o meu pai. Nacín e vivín sempre no centro de Ferrol, cidade pequena construída arredor do estaleiro e das instalacións navais da Armada. Este feito marcou moito o sentir dos ferroláns que tiveron como referencia o persoal do exército e da mariña española, militares chegados dos distintos puntos da xeografía peninsular, cunha lingua e unha cultura puramente españolas.

A miña casa está no Barrio da Magdalena, moi preto do Concello. Moitas das tradicións culturais que coñezo, e das que participo, non pertencen á tradición propiamente dita da miña cidade. Sen ir máis lonxe, acabamos de pasar o tempo do Entroido e, como nos anos anteriores, fomos á aldea de Carreira de Santiago, no Concello de Zas, a celebrar a festa das filloas da pedra, cas da familia da miña madriña.

A miña nai foi mestra dous cursos na escola unitaria de Carreira, hai xa vinte e oito anos. Alí coñeceu moitas das nosas tradicións galegas que en Ferrol estaban esquecidas ou, directamente, non pertencían ao noso arraigo cultural. Unha delas era cociñar polo Entroido as filloas da pedra.

Tenme contado que na casa dos meus avós, cando ela era pequena, a miña bisavoa Xosefa facía as torradas e as orellas. Para preparar estas últimas xuntábanse unha fin de semana as mulleres da familia ( a miña avoa Luca, a tía Finita e a miña nai) e amasaban, estiraban e fritíanas en grandes cantidades para que houbera sobremesa para todos os cocidos de Entroido.

Doutra banda, o meu tío-avó Toñito era o encargado de facer os freixós. A miña nai axudáballe a botarlles o azucre por riba cando saían da prancha pero, sempre había o mesmo problema: a torre de freixós non daba medrado con tantas visitas que tiña o cociñeiro ao longo da mañá; todos querían probar como estaban ese ano os doces tan esperados…

Pero, as filloas da pedra… a miña nai non sabía que había esa tradición diferente á nosa e foi descubrila cando a destinaron á aldea de Carreira. Polo tempo do Entroido, a familia coa que vivía díxolle que ían preparar as filloas. Ao chegar da escola, Fina, a dona da casa, xa tiña lista a mestura. Pero o máis importante era facer o lume cunhas boas rachas de madeira de carballo para quentar unhas lousas de pedra enormes sobre as que as cociñarían.

Nunca me parara a pensar de onde viña o nome de filloas da pedra, agora xa o sei. Cando fun este ano polo Entroido a Carreira comer as filloas, a nai da miña madriña (Fina), xa non as facía nas pedras senón nunhas pranchas moi grandes de ferro fundido. Preguntei como conseguiran esas pedras tan grandes das que me falara a miña nai, e se todavía as tiñan, porque me gustaría velas. Perfecto, o home de Fina, díxome que antigamente todas as familias da volta ían ao Bico de Meda , que é o monte que está detrás da aldea, e alí buscábanas e collíanas para as súas casas. Logo preparábanas e cociñaban directamente sobre elas.

Sempre que chegamos á aldea, gústame respirar fondo e sentir o arrecendo tan diferente ao da miña cidade. Este mes de febreiro, con tan mal tempo, pouco puidemos estar fóra pero aproveitei a nosa visita para falar coa cociñeira e aprender a receita das filloas da pedra que vos presento a continuación…



     
  
A festa deste ano estivo moi ben, coma sempre !!! Ao chegarmos estaba Fina ao mando dos fogóns. Tiña as potas do cocido na cociña de ferro, cheas de todo tipo de carnes, patacas, garabanzos e unhas boas madas de grelos que apañara na leira na tarde anterior.

No momento da nosa chegada, estaba na pedra do lar, coas dúas pranchas de ferro funcionando a tope e unha boa morea de filloas da pedra listas para ser comestas polos convidados.

Fina é unha muller moi amable e observadora e coñece o que máis nos sabe a cada un de nós. Por iso, ao lado das filloas quentiñas tiña preparado un prato de roxóns acabados de facer e unha restra de chourizos asados para envolver no medio das filloas e poder gozar duns manxares tan exquisitos. Todo isto acompañado dun bo viño que Perfecto tiña preparado para os maiores da casa.

Despois destes entrantes veu o resto do cocido. As filloas acompañaban cada prato e cómense a cando as carnes e os grelos. Ese día non hai pan na mesa, hai…

FILLOAS DA PEDRA !!!

Moitas son as festas gastronómicas que se celebran arredor da nosa cultura gastronómica e a Festa da FILLOA DA PEDRA no concello de A Baña é unha delas.


Este ano chegan á súa XIII edición que se celebrará o vindeiro domingo, 13 de marzo. O pregón estará a cargo de D. Adelino Pose Reino,presidente da Asociación Galega de Directores de Institutos (Adiga).


Aínda que a elaboración das filloas é unha tradición centenaria no municipio de A Baña, e en moitos outros  lugares da nosa xeografía galega, a exaltación desta receita  celébrase dende hai doce anos nese concello co obxectivo de que a xente máis nova continúe coa tradición de elaborar este delicioso manxar tan típico galego.
Neste vídeo de Youtube podemos ver como se fan as filloas da pedra dun xeito máis moderno, quentando as pranchas de ferro con queimadores de gas, o que facilita en grande medida a súa elaboración.

https://www.youtube.com/watch?v=4JcBNt3SbqY

Dende este blog quero poñer o meu gran de area para axudar a que o patrimonio cultural galego perdure no tempo.

Quero agradecerlle á familia Fuentes Mallón a súa aportación indispensábel para esta publicación, conseguindo que esta receita, unha das máis tradicionais da nosa gastronomía, formara parte da memoria histórica da miña familia. 

sábado, 5 de marzo de 2016

ESPERANZA, APRENDIZA DE FOTÓGRAFA.

Falar dunha persoa tan importante para min, e á que quero e admiro tanto, non é tarefa nada fácil. Se cadra xa vos destes conta que estou a falar dalguén da miña familia máis cercana. Pois si, refírome a Esperanza Vázquez Dopico, a miña irmá.

A estas alturas de curso temos que falar sobre a CULTURA GALEGA e vos preguntaredes cal é a razón de que escriba esta entrada arredor da súa persoa.
A resposta ten moito que ver cunha das actividades que ela desenvolve: a arte da fotografía.

A nosa familia, dende ben pequenas, fixo das viaxes a forma de poñerrnos en contacto coa natureza e con lugares moi diferentes, de coñecer elementos da nosa ou doutras culturas e aprender ao tempo que nos divertiamos e descansabamos da rutina diaria, do traballo ou dos estudos.

Os meus pais sempre levaban unha cámara para fotografar e poder gardar as imaxes como un bo recordo de todas e cada unha das excursións, que podían ser de fin de semana ou durar un mes enteiro, como cando fomos ao Pirineo e a Andorra.

Tan pronto Esperanza foi un pouco maior, pedíalles a Leica para disparar as súas primeiras instantáneas. Xa nunca máis sería quen de viaxar sen levar a canda ela unha ou varias cámaras para fotografar aquilo que chamaba a súa atención.

Con dezasete anos montou a súa primeira exposición para dar a coñecer á xente máis próxima e aos coñecidos a forma de ver a vida a través do seu obxectivo. Cando propuxo na casa o proxecto, contou co noso apoio incondicional.

E a partir do mes de decembro de 2012, a miña irmá tivo moi claro que ía aprender, traballar e loitar por un dos seus soños: ser aprendiza de fotógrafa.
Foi o punto de partida para comezar a súa andaina comprometida coa arte da fotografía. Arredor de distintos centros de interese, Esperanza recolleu coa súa cámara instantes e fotos de detalle. Con todo ese material se presentou a varios concursos e mostras e preparou diferentes traballos en exposicións realizadas pola comarca de Ferrolterra: Cedeira, Cerdido, Valdoviño e Ferrol.


Pero ninguén mellor ca ela para contarvos a súa experiencia. Así que tivemos unha conversa moi interesante que recollo no seguinte audio. Espero que serva para achegarvos un pouquiño a ela.



Esperanza é moi consciente de que a súa aportación ao mundo da cultura non fixo senón comezar. É unha carreira de fondo a que ten por diante, e moito o que lle queda por aprender. A formación e o traballo son fundamentais para ir avanzando neste mundo da fotografía, onde non pode faltar o compromiso e a ilusión cos que poder mellorar e medrar co paso do tempo.

A montaxe que preparamos é unha pequena mostra do seu traballo. Entre milleiros de fotos, fixemos unha selección que serve como carta de presentación da súa obra.

          

A palabra CULTURA é un termo latino que significa “cultivo”. No uso cotián, a palabra «cultura» emprégase para expresar o concepto da excelencia no gusto polas belas artes e as humanidades (tamén coñecida como alta cultura), ou para facer referencia ao conxunto de saberes, crenzas e pautas de conduta dun grupo social.

Cultura é a forma de pensar e sentir dun pobo. Cada vez que unha persoa e quen de comunicar a súa visión das cousas a través dunha imaxe, amosa e comparte o seu sentir coa comunidade á que pertence.

Esta é a finalidade última da miña irmá Esperanza, poñer o seu gran de area no inmenso areeiro da CULTURA GALEGA