domingo, 20 de marzo de 2016

OUTRA FORMA DE SENTIR A CULTURA.

Na miña familia, comezar a falar da Semana Santa e pensar en ir mercar as palmas ao mercado de Recimil era todo un. Normalmente era a miña avoa Olga a que se encargaba de escollelas e de regalárnolas.
Cando xa fomos maiores, eran os avós de San Xoán os encargados de facer o ramo. Eles tiñan unha oliveira moi antiga e dous ou tres loureiros. Cortaban unhas poliñas das dúas árbores e atábanas cunha pioliña que despois adornaban cunha lazada.

O Domingo de Ramos iamos bendecilos á Parroquia do Carme onde o sacerdote celebraba despois a misa arrodeado de máis feligresía que calquera outro domingo.
Á saída da misa, coa palmiña ou co ramo bendito, dirixiámonos á rúa Real para coller un bo sitio e estar na primeira fila, poder ver a Procesión da Borriquiña ( que así se chama a primeira procesión da Semana Santa Ferrolá) e poñer a man para que os capuchóns ao pasar nos agasallaran con algún caramelo ou cunha estampiña.

Esperanza e máis eu competiamos a ver quen xuntaba máis larpeiradas ou recordatorios ao longo dos días que duraban as procesións. A min sempre me asustaron os capuchóns e procuraba esconderme detrás da miña irmá ou dos meus pais, así que xa suporedes quen gañaba a competición.
Uns días antes da Semana Santa os meus pais levábanos mercar a roupa e o calzado novo de primavera. Se os días das procesións ía bo tempo, iamos as dúas de estreo e o mesmo facían o resto das nenas e nenos que baixaban velas coas súas familias.

Esta tradición de poñer a roupa nova neste tempo xa ven de moi antigo.

As miñas avoas contáronme que elas tamén o facían cando eran novas. Agardaban estas datas para estrear e poder baixar ao centro de Ferrol a pasear polas rúas e disfrutar coa xente que ateigaba o Barrio da Magdalena.


Outra das tradicións que máis me gustan da Semana Santa é a da Pascua. Moita xente pensa que este costume de agasallar os padriños e as madriñas ás súas afilladas ven de fóra. Nada máis lonxe da realidade.
A miña madriña naceu e viviu na aldea de Carreira de Santiago, pertencente ao concello de Zas, na Comarca de Soneira. Alí, pola Pascua, a madriña regalaba aos afillados e afilladas unha ducia de ovos cos que se cociñaría unha única tortilla á francesa de tamaño xigante que despois merendaban todos os da casa. Tenme contado que, ás veces, tamén lle levaba algunha outra sorpresa como unha colonia, uns brincos, etc.

Cando nacín, a miña madriña díxolle á miña nai que ela ía seguir coa tradición. E cumpliuno ! Nunca nos faltou o agasallo da Pascua nen a Esperanza nen a min porque Bea sempre foi fiel ao seu compromiso e non esqueceu vir canda nós traernos a Pascua. Nos últimos anos os ovos eran de chocolate porque se mudou á Coruña e alí éralle difícil conseguilos da casa. Compensaba o cambio engadindo un pequeno agasallo que sempre era do noso agrado.

Este ano a miña madriña xa chamou para anunciarnos que vai traer a Pascua polo Xoves Santo porque o propio día non pode achegarse a Ferrol por mor do traballo.




E falando de festividades, agora imos centrarnos nas celebracións da
Semana Santa Ferrolá que no presente ano 2016 está de aniversario. Cúmplense catrocentos anos dende que no século XVII, arredor do 21 de setembro de 1616, aparece nun texto a referencia aos actos e procesións que transcorrían na pequena vila mariñeira, hoxe barrio de Ferrol Vello, e que xiraban en torno á primitiva igrexa parroquial de San Xiao e ao convento de San Francisco.
Por tal motivo, a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol está a preparar unha serie de actos a celebrar durante todo o ano para conmemorar unha das tradicións máis antigas da nosa cidade relacionada con actos relixiosos.


Unha das actividades relizadas foi “Pasión cofrade”. A finalidade deste certame anual de pintura e fotografía artística foi elexir o deseño do cartaz que serve para promocionar a Semana Santa dentro e fóra da cidade (xa que está considerada de interés turístico internacional) e servir de ilustración principal na revista oficial de Ecce Homo.

Nas dúas últimas convocatorias a gañadora no apartado de fotografía artística foi a miña irmá Esperanza, coas obras tituladas “Cabaleiro portador do Santo Enterro” e “Plenilunio”. Este feito fixo que eu puidera acercarme á Semana Santa dende outra perspectiva, a través da arte, sendo así outra forma de sentir a cultura.





 Pero, sen dúbida, os actos principais da Semana Santa son os que xiran arredor da conmemoración da pasión, morte e resurrección de Xesús. Con tal motivo as confrarías e irmandades organizan procesións que percorren os distintos barrios da cidade, comezando o Domingo de Ramos e rematando o Domingo de Pascua de Resurrección.
Imos coñecer un pouquiño de cada unha delas para achegarmos, dalgún xeito, á cultura relixiosa do noso pobo. 


           


Despois da presentación das distintas irmandades e confrarías da nosa cidade, podemos comprender que a Semana Santa posúe tantas facetas e desperta sentimentos tan fondos nalgunhas persoas que para min son difíciles de comprender.
Sen dúbida, as vivencias relixiosas tamén forman parte da cultura dun pobo e debemos de ser respectuosos con todos aqueles que se sinten identificados coas distintas crenzas e profesións de fe.

Hoxe foi Domingo de Ramos. O son dos tambores e das bandas de música anunciaban a chegada das primeiras procesións desta Semana Santa que cumple catrocentos anos de existencia.

As rúas da Magdalena estaban ateigadas de xente que baixou ao centro para dar un paseo, tomar un café e ver as procesións neste primeiro día de primavera de 2016.


Ningún comentario:

Publicar un comentario