domingo, 13 de marzo de 2016

AS FILLOAS DA PEDRA, PARTE DA NOSA CULTURA GASTRONÓMICA.


O rural galego é un sinal de identidade para o noso pobo e a súa cultura. Non é igual vivir na cidade que desenvolver o teu día a día  nunha aldeíña das moitas que conforman a nosa paisaxe.


Eu son de asfalto, como di o meu pai. Nacín e vivín sempre no centro de Ferrol, cidade pequena construída arredor do estaleiro e das instalacións navais da Armada. Este feito marcou moito o sentir dos ferroláns que tiveron como referencia o persoal do exército e da mariña española, militares chegados dos distintos puntos da xeografía peninsular, cunha lingua e unha cultura puramente españolas.

A miña casa está no Barrio da Magdalena, moi preto do Concello. Moitas das tradicións culturais que coñezo, e das que participo, non pertencen á tradición propiamente dita da miña cidade. Sen ir máis lonxe, acabamos de pasar o tempo do Entroido e, como nos anos anteriores, fomos á aldea de Carreira de Santiago, no Concello de Zas, a celebrar a festa das filloas da pedra, cas da familia da miña madriña.

A miña nai foi mestra dous cursos na escola unitaria de Carreira, hai xa vinte e oito anos. Alí coñeceu moitas das nosas tradicións galegas que en Ferrol estaban esquecidas ou, directamente, non pertencían ao noso arraigo cultural. Unha delas era cociñar polo Entroido as filloas da pedra.

Tenme contado que na casa dos meus avós, cando ela era pequena, a miña bisavoa Xosefa facía as torradas e as orellas. Para preparar estas últimas xuntábanse unha fin de semana as mulleres da familia ( a miña avoa Luca, a tía Finita e a miña nai) e amasaban, estiraban e fritíanas en grandes cantidades para que houbera sobremesa para todos os cocidos de Entroido.

Doutra banda, o meu tío-avó Toñito era o encargado de facer os freixós. A miña nai axudáballe a botarlles o azucre por riba cando saían da prancha pero, sempre había o mesmo problema: a torre de freixós non daba medrado con tantas visitas que tiña o cociñeiro ao longo da mañá; todos querían probar como estaban ese ano os doces tan esperados…

Pero, as filloas da pedra… a miña nai non sabía que había esa tradición diferente á nosa e foi descubrila cando a destinaron á aldea de Carreira. Polo tempo do Entroido, a familia coa que vivía díxolle que ían preparar as filloas. Ao chegar da escola, Fina, a dona da casa, xa tiña lista a mestura. Pero o máis importante era facer o lume cunhas boas rachas de madeira de carballo para quentar unhas lousas de pedra enormes sobre as que as cociñarían.

Nunca me parara a pensar de onde viña o nome de filloas da pedra, agora xa o sei. Cando fun este ano polo Entroido a Carreira comer as filloas, a nai da miña madriña (Fina), xa non as facía nas pedras senón nunhas pranchas moi grandes de ferro fundido. Preguntei como conseguiran esas pedras tan grandes das que me falara a miña nai, e se todavía as tiñan, porque me gustaría velas. Perfecto, o home de Fina, díxome que antigamente todas as familias da volta ían ao Bico de Meda , que é o monte que está detrás da aldea, e alí buscábanas e collíanas para as súas casas. Logo preparábanas e cociñaban directamente sobre elas.

Sempre que chegamos á aldea, gústame respirar fondo e sentir o arrecendo tan diferente ao da miña cidade. Este mes de febreiro, con tan mal tempo, pouco puidemos estar fóra pero aproveitei a nosa visita para falar coa cociñeira e aprender a receita das filloas da pedra que vos presento a continuación…



     
  
A festa deste ano estivo moi ben, coma sempre !!! Ao chegarmos estaba Fina ao mando dos fogóns. Tiña as potas do cocido na cociña de ferro, cheas de todo tipo de carnes, patacas, garabanzos e unhas boas madas de grelos que apañara na leira na tarde anterior.

No momento da nosa chegada, estaba na pedra do lar, coas dúas pranchas de ferro funcionando a tope e unha boa morea de filloas da pedra listas para ser comestas polos convidados.

Fina é unha muller moi amable e observadora e coñece o que máis nos sabe a cada un de nós. Por iso, ao lado das filloas quentiñas tiña preparado un prato de roxóns acabados de facer e unha restra de chourizos asados para envolver no medio das filloas e poder gozar duns manxares tan exquisitos. Todo isto acompañado dun bo viño que Perfecto tiña preparado para os maiores da casa.

Despois destes entrantes veu o resto do cocido. As filloas acompañaban cada prato e cómense a cando as carnes e os grelos. Ese día non hai pan na mesa, hai…

FILLOAS DA PEDRA !!!

Moitas son as festas gastronómicas que se celebran arredor da nosa cultura gastronómica e a Festa da FILLOA DA PEDRA no concello de A Baña é unha delas.


Este ano chegan á súa XIII edición que se celebrará o vindeiro domingo, 13 de marzo. O pregón estará a cargo de D. Adelino Pose Reino,presidente da Asociación Galega de Directores de Institutos (Adiga).


Aínda que a elaboración das filloas é unha tradición centenaria no municipio de A Baña, e en moitos outros  lugares da nosa xeografía galega, a exaltación desta receita  celébrase dende hai doce anos nese concello co obxectivo de que a xente máis nova continúe coa tradición de elaborar este delicioso manxar tan típico galego.
Neste vídeo de Youtube podemos ver como se fan as filloas da pedra dun xeito máis moderno, quentando as pranchas de ferro con queimadores de gas, o que facilita en grande medida a súa elaboración.

https://www.youtube.com/watch?v=4JcBNt3SbqY

Dende este blog quero poñer o meu gran de area para axudar a que o patrimonio cultural galego perdure no tempo.

Quero agradecerlle á familia Fuentes Mallón a súa aportación indispensábel para esta publicación, conseguindo que esta receita, unha das máis tradicionais da nosa gastronomía, formara parte da memoria histórica da miña familia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario