domingo, 1 de maio de 2016

TEDES QUE ROMPERME O CORAZÓN.


Non sei como comezar. Resulta difícil enfrontarse a un folio en branco e expresar en poucas liñas vivencias, esforzos, descubrimentos e sentimentos que ao longo deste curso tan esixente mermaron as miñas forzas ata o esgotamento.

Esta vai ser a última entrada para a asignatura de Historia de Galiza. Cando comezamos no mes de setembro as miñas expectativas cara a ela eran bastante boas porque Manolo González, o profesor que imparte esta área, non era unha persoa descoñecida para min xa que tres anos antes tamén lle dira clase á miña irmá Esperanza. Pero a realidade do día a día das súas clases, ou mellor dito, das nosas clases, superou con creces o que eu esperaba delas.

Conseguir que o alumnado conecte cunha determinada asignatura e se interese por ela non é tarefa nada fácil, e moito máis se é de tipo optativo e os seus contidos non son precisos para superar as probas da selectividade. Chegar a ter unha boa interrelación coas rapazas e rapaces e que sexan quen de comprender o que se quere transmitir e expresar en cada unha das sesións é todo un reto que poucos conseguen coa súa docencia, e Manolo é un deles.


Un dos obxectivos desta asignatura era coñecer de primeira man a HISTORIA e a CULTURA do noso POBO GALEGO. Puiden descubrir, grazas ao profe, que na miña familia temos dúas grandes historiadoras alí onde as haxa, as miñas dúas avoas Luca e Olga. Elas colaboraron nalgunha das entradas deste blog, permitíndonos coñecer a súa historia e a dos seus familiares e coñecidos.  

Comprender o importante que é saber escoitar e compartir coa xente que tes moi preto aquelas vivencias que forman parte do seu pasado e da nosa historia colectiva era outro dos obxectivos que Manolo tiña en mente. El soubo aprendernos que  valorar e respectar a nosa lingua, a nosa historia e, en definitiva, a nosa cultura galega, é o máis importante que debemos levar gravado a lume no noso corazón de galegos, do que debemos presumir alá onde vaiamos.


“Tedes que romperme o corazón”,  esa foi a condición que Manolo puxo ao principio de curso cando nos presentou a asignatura e falou das actividades que tiñamos que colgar no blog “UTOPÍA FERROLANA”. Tratei de poñer nas entradas o mellor do que tiña investigado en cada tema para tentar expresar o que aprendera e poder chegar ao corazón do profesor. Coido que ambolosdous estamos contentos cos resultados.

Agora sei que sen a axuda e o estímulo de Manolo non sería quen de sentirme tan satisfeita comigo mesma.

GRAZAS, PROFE E... ATA SEMPRE !!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario