domingo, 24 de xaneiro de 2016

MAREA NEGRA

Nenas, imos colgar na fiestra a bandeira de NUNCA MÁIS! Podedes coller o fixo no caixón? ....
Graciñas; coido que así está ben! Non podemos deixar que o que está a pasar polo accidente do petroleiro volva a repetirse...”

Era a voz da miña nai que nos chamaba para que a axudáramos a pegar a bandeira galega, enloitada polo chapapote, na fachada da nosa casa. Coma moitas familias, quixemos poñela como símbolo visible da solidariedade na defensa do noso mar.

A raíz do desastre do Prestige, un grupo de artistas e intelectuais con orientación nacionalista crearon a plataforma da Burla Negra e capitanearon as protestas e manifestacións que tiveron lugar durante as semanas seguintes nas principais cidades galegas. Eu fun coa miña familia, ao igual que tantas outras, berrar á rúa : “NUNCA MÁIS! ” Non queriamos cun acontecemento semellante volvera suceder no futuro.

Eu daquela era moi pequena e non entendía o que estaba a acontecer, pero non esquecerei nunca como a xente saíu das súas casas para protestar aos gobernos pola mala xestión con que enfrontaron a catástrofe, e para demostrarlles que Galiza estaba máis unida que nunca pola loita do seu mar.

O noso marabilloso mar, ao que tanta vida lle debemos, quedou estragado co chapapote que o petroleiro derramou tralo afundimento preto das nosas costas. O noso mar, a quen lle temos tanto que agradecer, quedou ferido de morte.

Moitos foron os mariñeiros que se botaron limpar o chapapote e milleiros de voluntarios, chegados de todas partes, axudaron nas tarefas de limpeza que se prolongaron durante moitos meses. Todo o mundo quería botar unha man, xa que os gobernos non foron quen de facelo !

Era moi urxente retirar o petróleo das nosas costas arrasadas polos verquidos. As aves, os peixes e os fondos mariños quedaron moi danados e moitas especies duramente afectadas.

Pasaran tantos anos que eu xa tiña esquecido este acontecemento. Cando comezamos de novo as clases, despois das vacacións de Nadal, Manolo ( o noso profesor de Historia de Galicia) chegou coas novidades dos traballos que tiñamos que presentar neste primeiro mes do ano. Falounos de varios temas a tratar relacionados coa Galiza rebelde e un deles chamou moito a miña atención. No canón de video da aula de informática foron aparecendo as primeiras imaxes dunha película onde se reflictía o accidente do Prestige, pero cun enfoque moi orixinal e novedoso, que é como lle gusta a Manolo que preparemos os nosos traballos.

De súpeto volveu á miña memoria a bandeira azul e negra que tantos meses estivo colgada na fiestra da miña casa e rememorei, despois destes anos, a importancia do seu significado.


NUNCA MÁIS! 

            

Moitas nenas e nenos que, coma min, participaron coas súas familias nas mobilizacións da Burla Negra, quixeron reflictir nos seus traballos artísticos os sentimentos tan fondos que polo noso mar amosaban. Grazas ao interese e á implicación do profesorado nas aulas có tema, isto foi posible.

Non todo o mundo ten a sorte de posuír uns pais que tentan despertar nas súas fillas o sentimento e o respecto pola xente que nos arrodea e pola contorna na que vivimos. Pais que cada día nos aprenden a desenvolver unha conciencia observadora e crítica coa realidade, a non deixarnos asoballar e a formar parte desa GALIZA REBELDE que sabe loitar polo seu.

Despois da catástrofe do Prestige, regaláronme dous libros que gardo como ouro en pano polo que para min significaron, e que agora quero compartir con todos vós como símbolo da miña rebeldía.

O futuro de Galiza e do noso pobo está nas nosas mans !!!

                                        “A liberdade ten o sabor salgado do mar “

                                                                                                     (Manolo Rivas)

Ningún comentario:

Publicar un comentario