domingo, 31 de xaneiro de 2016

FERROL, UN MUNDO A PARTE.

Cando vas de viaxe fóra da túa terra e alguén che pregunta de onde ves sendo, gústame dicir que son de Ferrol, lugar no que estou moi a gusto e do que me sinto moi fachendosa porque aquí nacín.

Ferrol é unha cidade pequena e tranquila para vivir. A súa contorna esténdese por distintos barrios e parroquias. A miña familia materna vive na zona rural da parroquia de San Xoán de Filgueira, e a paterna, na Rúa do Hospital, no Barrio da Magdalena. 

Esta parte de
Ferrol ten un deseño moi particular que ven dos tempos do reinado de Carlos III. Coas rúas rectas, paralelas e perpendiculares entre si fórrmanse perfectas cadrículas que dan unha perspectiva característica ao centro urbano, que é onde vivo.

Cando paseas por elas, podes observar que non existen edificios altos, todos teñen poucos andares e posúen fermosas galerías e balcóns que dan á cidade un aspecto moi agradable.


Púxenme a investigar sobre a arquitectura dalgunha das edificacións máis fermosas das rúas da Magdalena e atopei que, a principios do século XX, o arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha foi o artífice de modicar algunhas ou construír outras cun marcado estilo Modernista. Esto fai que moitos turistas, cando visitan Ferrol, percorran a “ ruta do Modernismo Ferrolán”, para poder admirar e disfrutar da arte ao tempo que pasean con tranquilidade ou toman un café nalgún dos locais do centro.
Tamén forman parte da cidade o Barrio mariñeiro de Ferrol Vello, o antigo Barrio de Canido e os barrios obreiros de Esteiro e Caranza.
A súa evolución urbanística tivo moito que ver coa construcción do Arsenal Militar e o Asteleiro Real no século XVIII xa que houbo un grande incremento da poboación, necesaria como man de obra, e era preciso crear vivendas destinadas á clase obreira.



Co paso do tempo Ferrol foi medrando, tendo sempre como referencia a industria naval. Moitas foron as empresas auxiliares que se asentaron na bisbarra para dar servicio ao asteleiro, o que propiciou que moitas familias se trasladaran do rural á nosa cidade.

Máis a partir da primeira reconversión naval dos anos oitenta, o panorama comezou a mudar, perdéronse moitos postos de traballo e a xente tivo que marchar a outros lugares en busca dun novo medio de vida. Isto acrecentou de novo pola crise que estamos a vivir, co conseguinte descenso da poboación e a ruína de moitos negocios que se viron na obriga de pechar as súas portas.
Cando paseo polas rúas do centro, recordo cando de pequena ía pola rúa Galiano e pola Real, cara á Praza de Amboaxe, e as tendas tiñan vida, cousa que agora non ocorre.
Gustaríame que Ferrol recuperase parte do seu pasado glorioso e que todos puidéramos sentirnos orgullosos de pertencer a ela.

Un acontecemento que engrandeceu a historia da nosa cidade foi o feito de ser a primeira poboación na que se proclamou a República Federal, 124 días antes que no resto do Estado Español.

Era o ano 1872 e Ferrol tiña unha poboación aproximada de trinta mil persoas. O 10 de outubro arredor de dous mil homes, baixo a dirección do brigadier Bartolomé Pozas e o capitán de mariña Braulio Montejo, co apoio de destacados membros do Partido Republicano e varios militares retirados, rebeláronse contra o goberno do rei Amadeo de Saboia.

Foi un enfrontamento sen derramamento de sangue. Pasodos dous días, na mañá do 12 de outubro, ao non haber corporación municipal, os sublevados nomearon unha xunta provisional presidida por Francisco Suárez García (escritor, periodista e presidente do Partido Republicano Ferrolán).
Ao día seguinte, as forzas leais ao goberno, dirixidas polo capitán xeral de Galicia Sánchez Bregua, entran na cidade e restablecen a corporación o 15 de outubro.

O levantamento foi condenado nas Cortes Españolas e os cabecillas tiveron que fuxir a Portugal ou a ultramar.

Os dous mil homes que hai case cento cincuenta anos se rebelaron, tiveron a coraxe de enfrontarse contra o poder gubernamental establecido, e os ferroláns de hoxe en día deberíamos telos como referencia.


Este feito era descoñecido para min. A miña familia contárame acontecementos do pasado, como os da Guerra Civil, pero non lembraban que Ferrol tivera esta sublevación republicana e que políticos da talla de Suárez García levaran a nosa cidade ao cumio da actualidade no seu tempo, facendo sentir aos cidadáns da época que vivían nun mundo a parte, español e republicano.

Igual ca eles, a nosa obriga como cidadáns é ser críticos coa sociedade que nos rodea e tratar de poñer o noso gran de area para conseguir, entre todas e todos, que a nosa cidade volva a rexurdir coma nos seus mellores tempos, aínda que sabemos que non depende somentes dos que vivimos aquí, se non dunha boa planificación económica e social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario