domingo, 29 de novembro de 2015

SILENCIO DA POSGUERRA...

                         
                                                                

A época da posguerra foi un tempo moi difícil para a xeración dos meus avós.
Falar coa miña avoa Olguita fixo que nos mergulláramos xuntas no seu pasado e viviramos uns momentos moi intensos á vez que emocionantes e reveladores.

Descubrín que dende os seus primeiros anos viviu inmersa nun mundo de medo, terror e grandes silencios.Tivo que afontar situacións complicadas para unha nena da súa idade debido a que a súa familia tiña unha ideoloxía contraria ao réxime e non tivo outra que aprender a sobrevivir neste ambiente lúgubre e cargado de represión. Saber calara  a tempo era un día de vida gañado.

Ao facer este traballo decateime do importante que é saber posicionarse en cada momento da túa existencia como fixeron os meus bisavós, axudando a xente da aldea que o necesitaba  e comprometéndose cos escapados que non tiña máis apoio que o da veciñanza máis cercana.

Nun momento dado,  a miña avoa rompeu a chorar recordando os duros traballos que o seu pai tivo que facer para manter a os seus once fillos e tamén convencer á garda civil de que el era un home honrado que non fixera nunca mal a ninguén.

Para min foi preocupante que a miña avoa, a día de hoxe, continúe tendo medo de contar estes feitos xa que cando acabamos a conversa preguntoume:
- Nena,non me vai pasar nada por contarte esto,verdade?

Desta maneira  foi como me decatei do seu medo e vin reflictido o terror na súa mirada.

Aquí deixo un enlace do final da película "A lingua das bolboretas" onde se mostra a represión política por parte do sistema dictatorial franquista.


                           https://www.youtube.com/watch?v=Doj5S_xmuWo


Unha vez máis quero agradecerlle á miña avoa Olga a súa memoria histórica.


Ningún comentario:

Publicar un comentario