domingo, 31 de xaneiro de 2016

FERROL, UN MUNDO A PARTE.

Cando vas de viaxe fóra da túa terra e alguén che pregunta de onde ves sendo, gústame dicir que son de Ferrol, lugar no que estou moi a gusto e do que me sinto moi fachendosa porque aquí nacín.

Ferrol é unha cidade pequena e tranquila para vivir. A súa contorna esténdese por distintos barrios e parroquias. A miña familia materna vive na zona rural da parroquia de San Xoán de Filgueira, e a paterna, na Rúa do Hospital, no Barrio da Magdalena. 

Esta parte de
Ferrol ten un deseño moi particular que ven dos tempos do reinado de Carlos III. Coas rúas rectas, paralelas e perpendiculares entre si fórrmanse perfectas cadrículas que dan unha perspectiva característica ao centro urbano, que é onde vivo.

Cando paseas por elas, podes observar que non existen edificios altos, todos teñen poucos andares e posúen fermosas galerías e balcóns que dan á cidade un aspecto moi agradable.


Púxenme a investigar sobre a arquitectura dalgunha das edificacións máis fermosas das rúas da Magdalena e atopei que, a principios do século XX, o arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha foi o artífice de modicar algunhas ou construír outras cun marcado estilo Modernista. Esto fai que moitos turistas, cando visitan Ferrol, percorran a “ ruta do Modernismo Ferrolán”, para poder admirar e disfrutar da arte ao tempo que pasean con tranquilidade ou toman un café nalgún dos locais do centro.
Tamén forman parte da cidade o Barrio mariñeiro de Ferrol Vello, o antigo Barrio de Canido e os barrios obreiros de Esteiro e Caranza.
A súa evolución urbanística tivo moito que ver coa construcción do Arsenal Militar e o Asteleiro Real no século XVIII xa que houbo un grande incremento da poboación, necesaria como man de obra, e era preciso crear vivendas destinadas á clase obreira.



Co paso do tempo Ferrol foi medrando, tendo sempre como referencia a industria naval. Moitas foron as empresas auxiliares que se asentaron na bisbarra para dar servicio ao asteleiro, o que propiciou que moitas familias se trasladaran do rural á nosa cidade.

Máis a partir da primeira reconversión naval dos anos oitenta, o panorama comezou a mudar, perdéronse moitos postos de traballo e a xente tivo que marchar a outros lugares en busca dun novo medio de vida. Isto acrecentou de novo pola crise que estamos a vivir, co conseguinte descenso da poboación e a ruína de moitos negocios que se viron na obriga de pechar as súas portas.
Cando paseo polas rúas do centro, recordo cando de pequena ía pola rúa Galiano e pola Real, cara á Praza de Amboaxe, e as tendas tiñan vida, cousa que agora non ocorre.
Gustaríame que Ferrol recuperase parte do seu pasado glorioso e que todos puidéramos sentirnos orgullosos de pertencer a ela.

Un acontecemento que engrandeceu a historia da nosa cidade foi o feito de ser a primeira poboación na que se proclamou a República Federal, 124 días antes que no resto do Estado Español.

Era o ano 1872 e Ferrol tiña unha poboación aproximada de trinta mil persoas. O 10 de outubro arredor de dous mil homes, baixo a dirección do brigadier Bartolomé Pozas e o capitán de mariña Braulio Montejo, co apoio de destacados membros do Partido Republicano e varios militares retirados, rebeláronse contra o goberno do rei Amadeo de Saboia.

Foi un enfrontamento sen derramamento de sangue. Pasodos dous días, na mañá do 12 de outubro, ao non haber corporación municipal, os sublevados nomearon unha xunta provisional presidida por Francisco Suárez García (escritor, periodista e presidente do Partido Republicano Ferrolán).
Ao día seguinte, as forzas leais ao goberno, dirixidas polo capitán xeral de Galicia Sánchez Bregua, entran na cidade e restablecen a corporación o 15 de outubro.

O levantamento foi condenado nas Cortes Españolas e os cabecillas tiveron que fuxir a Portugal ou a ultramar.

Os dous mil homes que hai case cento cincuenta anos se rebelaron, tiveron a coraxe de enfrontarse contra o poder gubernamental establecido, e os ferroláns de hoxe en día deberíamos telos como referencia.


Este feito era descoñecido para min. A miña familia contárame acontecementos do pasado, como os da Guerra Civil, pero non lembraban que Ferrol tivera esta sublevación republicana e que políticos da talla de Suárez García levaran a nosa cidade ao cumio da actualidade no seu tempo, facendo sentir aos cidadáns da época que vivían nun mundo a parte, español e republicano.

Igual ca eles, a nosa obriga como cidadáns é ser críticos coa sociedade que nos rodea e tratar de poñer o noso gran de area para conseguir, entre todas e todos, que a nosa cidade volva a rexurdir coma nos seus mellores tempos, aínda que sabemos que non depende somentes dos que vivimos aquí, se non dunha boa planificación económica e social. 

domingo, 24 de xaneiro de 2016

MAREA NEGRA

Nenas, imos colgar na fiestra a bandeira de NUNCA MÁIS! Podedes coller o fixo no caixón? ....
Graciñas; coido que así está ben! Non podemos deixar que o que está a pasar polo accidente do petroleiro volva a repetirse...”

Era a voz da miña nai que nos chamaba para que a axudáramos a pegar a bandeira galega, enloitada polo chapapote, na fachada da nosa casa. Coma moitas familias, quixemos poñela como símbolo visible da solidariedade na defensa do noso mar.

A raíz do desastre do Prestige, un grupo de artistas e intelectuais con orientación nacionalista crearon a plataforma da Burla Negra e capitanearon as protestas e manifestacións que tiveron lugar durante as semanas seguintes nas principais cidades galegas. Eu fun coa miña familia, ao igual que tantas outras, berrar á rúa : “NUNCA MÁIS! ” Non queriamos cun acontecemento semellante volvera suceder no futuro.

Eu daquela era moi pequena e non entendía o que estaba a acontecer, pero non esquecerei nunca como a xente saíu das súas casas para protestar aos gobernos pola mala xestión con que enfrontaron a catástrofe, e para demostrarlles que Galiza estaba máis unida que nunca pola loita do seu mar.

O noso marabilloso mar, ao que tanta vida lle debemos, quedou estragado co chapapote que o petroleiro derramou tralo afundimento preto das nosas costas. O noso mar, a quen lle temos tanto que agradecer, quedou ferido de morte.

Moitos foron os mariñeiros que se botaron limpar o chapapote e milleiros de voluntarios, chegados de todas partes, axudaron nas tarefas de limpeza que se prolongaron durante moitos meses. Todo o mundo quería botar unha man, xa que os gobernos non foron quen de facelo !

Era moi urxente retirar o petróleo das nosas costas arrasadas polos verquidos. As aves, os peixes e os fondos mariños quedaron moi danados e moitas especies duramente afectadas.

Pasaran tantos anos que eu xa tiña esquecido este acontecemento. Cando comezamos de novo as clases, despois das vacacións de Nadal, Manolo ( o noso profesor de Historia de Galicia) chegou coas novidades dos traballos que tiñamos que presentar neste primeiro mes do ano. Falounos de varios temas a tratar relacionados coa Galiza rebelde e un deles chamou moito a miña atención. No canón de video da aula de informática foron aparecendo as primeiras imaxes dunha película onde se reflictía o accidente do Prestige, pero cun enfoque moi orixinal e novedoso, que é como lle gusta a Manolo que preparemos os nosos traballos.

De súpeto volveu á miña memoria a bandeira azul e negra que tantos meses estivo colgada na fiestra da miña casa e rememorei, despois destes anos, a importancia do seu significado.


NUNCA MÁIS! 

            

Moitas nenas e nenos que, coma min, participaron coas súas familias nas mobilizacións da Burla Negra, quixeron reflictir nos seus traballos artísticos os sentimentos tan fondos que polo noso mar amosaban. Grazas ao interese e á implicación do profesorado nas aulas có tema, isto foi posible.

Non todo o mundo ten a sorte de posuír uns pais que tentan despertar nas súas fillas o sentimento e o respecto pola xente que nos arrodea e pola contorna na que vivimos. Pais que cada día nos aprenden a desenvolver unha conciencia observadora e crítica coa realidade, a non deixarnos asoballar e a formar parte desa GALIZA REBELDE que sabe loitar polo seu.

Despois da catástrofe do Prestige, regaláronme dous libros que gardo como ouro en pano polo que para min significaron, e que agora quero compartir con todos vós como símbolo da miña rebeldía.

O futuro de Galiza e do noso pobo está nas nosas mans !!!

                                        “A liberdade ten o sabor salgado do mar “

                                                                                                     (Manolo Rivas)

sábado, 26 de decembro de 2015

PACHARA,GRAN PERSONAXE FERROLÁN.



O seu verdadeiro nome era José Manuel Sayar, pero todo o mundo o coñecía como Pachara. A función que desmpeñaba este home era "vital" para a cidade de Ferrol posto que Pacharita era o que regulaba o tráfico en días moi axetreados, daba de comer anaquiños de pan ás pombas e varria as rúas ferrolás ,coa súa mini basoira, a cambio dunha propina que recibia do comerciante de turno.
Pachara, que vivía na pensión Larra a cal está moi preto da miña casa, tiña o costume de levar o paraugas colgado na parte de atrás do chaquetón e encantáballe fumar puros.
Agora vouvos contar unha anécdota que me aconteceu non hai moito con este personaxe:
Un día calquera saín da miña casa para coller o bus, xa que tiña que ir cear a casa da miña avoa.O caso é que cando cheguei á parada estaba toda precintada cunha cinta para que non puidésemos sentarnos alí mentres el estaba ceando o seu bocata de chourizo con queixo. 
Ao final alí quedei eu de pé e morta de frío, vendo como pasaban os minutos ata que chegou o bus á miña parada.
Dáme moita mágoa que un presonaxe lexendario coma el morrera posto que formaba parte da nosa cidade.

Aquí tedes un en enlace cunha nova realizada polo Diario de Ferrol de cando o ingresaron no hospital.





Pachara (1941-2015)





domingo, 29 de novembro de 2015

SILENCIO DA POSGUERRA...

                         
                                                                

A época da posguerra foi un tempo moi difícil para a xeración dos meus avós.
Falar coa miña avoa Olguita fixo que nos mergulláramos xuntas no seu pasado e viviramos uns momentos moi intensos á vez que emocionantes e reveladores.

Descubrín que dende os seus primeiros anos viviu inmersa nun mundo de medo, terror e grandes silencios.Tivo que afontar situacións complicadas para unha nena da súa idade debido a que a súa familia tiña unha ideoloxía contraria ao réxime e non tivo outra que aprender a sobrevivir neste ambiente lúgubre e cargado de represión. Saber calara  a tempo era un día de vida gañado.

Ao facer este traballo decateime do importante que é saber posicionarse en cada momento da túa existencia como fixeron os meus bisavós, axudando a xente da aldea que o necesitaba  e comprometéndose cos escapados que non tiña máis apoio que o da veciñanza máis cercana.

Nun momento dado,  a miña avoa rompeu a chorar recordando os duros traballos que o seu pai tivo que facer para manter a os seus once fillos e tamén convencer á garda civil de que el era un home honrado que non fixera nunca mal a ninguén.

Para min foi preocupante que a miña avoa, a día de hoxe, continúe tendo medo de contar estes feitos xa que cando acabamos a conversa preguntoume:
- Nena,non me vai pasar nada por contarte esto,verdade?

Desta maneira  foi como me decatei do seu medo e vin reflictido o terror na súa mirada.

Aquí deixo un enlace do final da película "A lingua das bolboretas" onde se mostra a represión política por parte do sistema dictatorial franquista.


                           https://www.youtube.com/watch?v=Doj5S_xmuWo


Unha vez máis quero agradecerlle á miña avoa Olga a súa memoria histórica.


domingo, 22 de novembro de 2015

QUERIDAS AVOAS.

       

          


Aquí vos deixo as conversas coas miñas avoas. O primeiro audio é de Luca e o segundo é de Olga.